Desde o ano 2023, o grupo Aerolab da Universidade de Vigo e a empresa Copasa desenvolven o proxecto o Airis, centrado en dixitalizar e automatizar a inspección das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade mediante visión artificial, sensores ópticos, comunicacións 5G e técnicas de intelixencia artificial. A iniciativa celebrou este martes a súa xornada de peche destacando como os sistemas desenvolvidos ao seu abeiro permiten mellorar significativamente a eficiencia das operacións de mantemento ferroviario e reforzar a seguridade mediante a identificación máis rápida de incidencias.
O proxecto Adaptative and intelligent railway inspection system (Sistema de inspección ferroviaria adaptativo e intelixente) está financiado cun total de 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e fondos da Unión Europea NextGeneration. Nel participa por parte da Universidade de Vigo o grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae). Coordina a iniciativa por parte da UVigo o profesor e investigador Higinio González. O socio do proxecto, Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, é unha empresa multinacional de construción de orixe ourensá que conta cunha dilatada traxectoria no desenvolvemento de infraestruturas de todo tipo.
